O BNG leva ao Parlamento a parálise do parque empresarial de Taboada
A deputada do BNG no Parlamento, Carme Aira, reuniuse con membros do BNG local, visitou o Parque Empresarial e recolleu as demandas da asociación de empresarios (ACIMTA).
O pasado xaneiro deste ano a Xunta anunciaba que "a empresa pública Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sacarían á venda en febreiro a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos industriais, incluídas as novas parcelas do parque empresarial de Taboada."
PUBLICIDADE
Este mes, sen síntomas de que a Xunta cumpra o compromiso, os nacionalistas deciden organizar este encontro, "Existe necesidade de solo industrial e comercial, e este polígono leva paralizado moitos anos. As Administracións non dan pasos firmes cara ao desbloqueo da situación, o que acabará por forzar a marcha de iniciativa empresarial fóra de Taboada, ademais de evitar a chegada de empresas de localidades veciñas" lamentaban os empresarios, que demandan información e actuacións políticas do concello e da Xunta para que se oferte solo no Parque Empresarial.
Carme Aira comprometeuse a rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para demandar solucións e información "perante unha parálise que dura anos e que dificulta o medre do tecido industrial e comercial de Taboada". Mantendo informada a asociación dos resultados que se acaden.
O responsable local, Antón Ledo, manifestou que "continuaremos a facer seguimento desta desafortunada situación para que o Parque Empresarial non volva caer no esquecemento das administracións, e nomeadamente no do Concello".